Viaxamos a Tenerife!
- Como cada ano, a área de Autonomía organizou unha viaxe grazas á convocatoria do IMSERSO (Instituto de Maiores e Servizos Sociais)
- Sete mozos e mozas da entidade, xunto a dúas profesionais, visitaron os lugares máis emblemáticos de Santa Cruz de Tenerife
Este mes de maio vai ser difícil de esquecer grazas ao xa clásica viaxe do IMSERSO que, como cada ano, organiza Down Vigo. Nesta ocasión, visitaron Tenerife… miúda experiencia cruzar o océano!

Nada máis chegar ao hotel, xa nos esperaban moitas actividades de lecer: piscina, campionato de xogos de mesa, baile latino, música en directo, un parque acuático dos máis grandes de Europa… Esta viaxe foi unha ocasión perfecta para probar primeiras veces: viaxando en avión, durmindo fóra de casa ou visitando unha cidade nova.

Alén do Parque Nacional do Teide e o Siam Park, o grupo visitou a vila de Garachico e o miradoiro de Masca. Unhas paisaxes tan verdes que era como estar na casa. Coñecedes o Drago Milenario? Cada pedra volcánica ten moitísima historia que contar.

Menos mal que estaba o mapa para aprender a movernos por unha cidade nova! Por suposto, non podían volver sen desfrutar do Siam Park, un parque de atraccións acuático. Unha experiencia inesquecible, para aprender, madurar e desfrutar. INESQUECIBLE!

