Sara comeza a traballar en Rodavigo cun contrato indefinido
- Afronta con moitas ganas as súas novas funcións de xestión administrativa na área de almacén: “síntome feliz. Tiña moita ilusión por conseguir isto”
- Á firma deste contrato tamén asistiron Nazario Correa, Director Xeral de Rodavigo, e José Manuel García, Presidente de Down Vigo
- Sara é, xunto con Pablo e Miguel Ángel, unha das tres persoas da entidade que forma parte do persoal de Rodavigo
Este luns, Down Vigo e Rodavigo renovaron o seu compromiso de colaboración para unha nova inserción laboral. Sara, que asiste ao servizo de Emprego con Apoio, xa comezou a traballar na área de almacén, realizando funcións administrativas. Convértese así na terceira persoa da entidade en formar parte do persoal de Rodavigo, empresa con sede en Mos que se dedica ás subministracións industriais.

Sara afronta este reto con gran ilusión: “non mo esperaba, síntome feliz. Tiña moita ilusión por conseguir isto. Un traballo indefinido é o que máis quería na miña vida”. As súas tarefas na área de almacén consisten na xestión dos albarás que se xeran no seu departamento: comprobar que estean correctamente visados; informatizar os rexistros mediante o escáner; e verificar finalmente que se anexaron correctamente no programa informático. Para asinar este contrato, Sara estivo acompañada por Nazario Correa, Director Xeral de Rodavigo, e José Manuel García, Presidente de Down Vigo. Este terceiro convenio de colaboración ratifica o compromiso da empresa coa inclusión das persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual. Unha vez máis, queda demostrada a súa total confianza no Servizo de Emprego con Apoio da entidade, sempre co obxectivo dunha correcta inserción de cada traballador. Rodavigo é exemplo e garantía de experiencia, adaptación e sensibilidade coa igualdade de oportunidades.

Este contrato é o resultado do esforzo de Sara por formarse na área administrativa durante toda a súa vida académica. O seu itinerario formativo inclúe a formación superior inclusiva ALIDA e un curso relacionado cos Servizos Administrativos. Na empresa ordinaria ten experiencia en tarefas administrativas e atención ao cliente grazas a un contrato de tres anos nun concesionario. Previamente, realizara un período de prácticas formativas no Consorcio da Zona Franca de Vigo. Por todas estas oportunidades laborais para demostrar a súa valía profesional, Sara móstrase moi agradecida. Sara afronta esta nova etapa en Rodavigo coa ilusión de poder achegar moito á empresa: “quero demostrar que son boa para aprender cousas novas, e que son responsable”. Con optimismo e seguridade, irá dando pasos para conseguir as súas metas: “o día de mañá quero vivir soa, nunha casa, e gañar o meu propio diñeiro para poder gozar do meu tempo libre”. Desexámoslle a Sara o mellor neste novo proxecto e agradecemos a Rodavigo o seu compromiso coa inclusión laboral das persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual e a súa aposta polo emprego estable e de calidade.