Presentamos o proxecto «Emprego con apoio: preparación e acceso ao emprego inclusivo» no Work Café Santander
- No marco da II edición da iniciativa Comprometidos Somos MÁS, programa do Banco Santander e Santander Asset Management
- O proxecto conta cunha dotación económica de 30.000 euros

DOWN Vigo asistiu á presentación da II edición do proxecto Comprometidos Somos MÁS, un programa do Banco Santander e Santander Asset Management que financia proxectos sociais e de ONG en España mediante unha parte das comisións dos seus fondos de investimento sostibles e solidarios.
Na presente convocatoria, a entidade participa co programa «Emprego con apoio: preparación e acceso ao emprego inclusivo», na categoría Empregabilidade, Educación e Emprendemento. Para iso, a entidade recibe unha dotación económica de 30.000 euros. O obxectivo é facilitar o acceso, mantemento e desenvolvemento no emprego de persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual mediante o emprego con apoio, a través dun acompañamento individualizado na contorna laboral.

O proxecto está destinado a mellorar a empregabilidade das persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual en idade laboral que se atopan á busca activa de emprego ou en proceso de inserción laboral e que requiren apoios individualizados para acceder, adaptarse e manterse nun posto de traballo no mercado ordinario. En total, estímase que 130 persoas da entidade poderán beneficiarse deste programa, alén de familias, empresas colaboradoras e equipos de traballo que forman parte do proceso de inclusión e benefícianse de contornas laborais máis accesibles e inclusivos.
Comprometidos Somos MÁS é un programa plenamente integrado na misión e valores da nosa entidade, posto que apoia e promove a inclusión social e laboral das persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual. A través da metodoloxía do emprego con apoio, favorécese o acceso, mantemento e desenvolvemento no emprego en contornas laborais ordinarias, garantindo un acompañamento individualizado e centrado na persoa. Deste xeito, o proxecto contribúe directamente á mellora da calidade de vida, a autonomía e a participación activa na sociedade das persoas participantes.
