Estreamos a obra ‘A Maxia da Vida’
- O vindeiro xoves 5 de decembro ás 20 horas no auditorio do Concello de Vigo
- As entradas para poder asistir están dispoñibles na sede de Down Vigo, en C/Portela
Despois de que en 2023 vivísemos A Maxia das Emocións, este ano presentamos A Maxia da Vida. O vindeiro xoves 5 de decembro, ás 20:00 horas, os grupos que asisten ao servizo de Musicoterapia subiranse ao escenario dirixidos polo técnico de Inclusión Educativa Erick Alexander Corrente. A cita será no Auditorio municipal do Concello de Vigo, e promete ser inesquecible.
Para asistir, será imprescindible adquirir unha das entradas que xa están dispoñibles na sede de Down Vigo (C/Portela, 48), en horario de mañá (a partir das 09:00 horas) e de tarde (ata as 19:00 horas). O aforo do auditorio é limitado, polo que en caso de non ter entrada non se poderá acceder. O día do evento, a asociación permanecerá pechada en horario de tarde.
Cómo foi A Maxia das Emocións
Sorpresa, medo, vergoña, prexuízo, culpa, tristeza, orgullo, enfado, calma, noxo, amor e alegría. E moita música. Con todos estes ingredientes, Down Vigo poñía 2023 a flor de pel no auditorio S.C.D.R Helios de Bembrive. Durante aproximadamente unha hora, as case 50 persoas de todas as idades que asisten ao servizo de Musicoterapia da asociación actuaron para un público disposto a deixarse sorprender. A obra representada céntrase en expresar as emocións a través das artes. Disciplinas como a danza contemporánea, a expresión corporal, a música e o teatro son os medios para facer chegar ao público a emoción coa que se quere xogar en cada escena. O proceso creativo desta obra é o resultado dos talleres de comprensión das emocións. Durante meses, a entidade preparou un evento escenográfico no que as emocións foron o fío condutor dunha secuencia de escenas protagonizadas por persoas adultas e máis pequenas do servizo de Musicoterapia, así como por parte do equipo profesional da entidade. Durante as sesións de aula semanais, as persoas participantes deseñaron tanto o guion como a posta en escena, coordinados por Erick Alexander Corrente. Este traballo deu orixe ao Proxecto Proteus.