Down Vigo colabora na gala dos VII Premios Ardán, de Consorcio Zona Franca de Vigo
- Iris Curra e David Da Silva, traballadores da entidade, foron o persoal de apoio no evento
- O acto de Zona Franca de Vigo recoñeceu o traballo de 14 empresas e a traxectoria de ABANCA
O Auditorio Mar de Vigo acolleu a gala de entrega dos VII Premios Ardán á Excelencia Empresarial, organizados por Zona Franca de Vigo. Na edición deste ano, 14 empresas foron galardoadas, con recoñecemento especial a ABANCA co Premio Especial á Traxectoria. DOWN Vigo estivo representada grazas ao traballo de Iris Curra e David Da Silva, traballadores da entidade, que foron o persoal de apoio no evento.

Entre o público asistente atopábanse tamén membros da Xunta Directiva e profesionais da entidade, consolidando a relación institucional tanto co Consorcio Zona Franca de Vigo como co tecido empresarial da provincia. Entre as empresas premiadas contamos con varias colaboradoras de DOWN Vigo, destacando a premiada Rodavigo, que conta entre o seu persoal con tres persoas que asisten á área de Emprego con Apoio.

A gala, presentada pola xornalista Paula Montes, contou con case 500 representantes do mundo da empresa, a economía, a sociedade civil e as institucións. O delegado do Estado para Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou que “os premios Ardán son unha das radiografías máis completas e rigorosas do tecido empresarial galego”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo e presidente de Zona Franca, Abel Caballero, destacou que “estes premios Ardán recoñecen a capacidade de emprendemento, de innovación e a aposta permanente pola excelencia empresarial da área de Vigo”. O evento concluíu coa conferencia do analista económico Gonzalo Bernardos, profesor de Economía na Universidade de Barcelona, e co concerto da chelista e compositora viguesa Margarida Mariño.
Desde a entidade destacamos a importancia de visibilizar a profesionalidade que demostran nos seus postos de traballo as persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual, que a través da inclusión real na sociedade achegan valor real ao mercado laboral, participando de forma activa en todas as esferas da sociedade.

