Conmemoramos o Día Mundial da Síndrome de Down con actos locais e autonómicos
- En Vigo, celebramos xunto a Discamino a 3ª edición do Desfile Inclusivo grazas a Decathlon e o centro comercial Vialia
- No Concello de Moaña, participamos nun emotivo acto no salón de plenos, no que catro asociacións da contorna lemos un manifesto polos dereitos das persoas con Síndrome de Down
- Acudimos á sede de Down Coruña, que este ano cumpre 25 anos, para sumarnos aos actos conmemorativos da Federación Down Galicia
O Día Mundial da Síndrome de Down deixou este 2025 diversas iniciativas coas que a entidade quixo dar visibilidade á inclusión real e á igualdade de oportunidades. Así, durante a tarde do venres 21 de marzo celebrouse o III Desfile Inclusivo, grazas a Decathlon e o centro comercial Vialia e no que tamén participou Discamino. Esta iniciativa solidaria busca sensibilizar acerca da diversidade, o deporte e o traballo en equipo.

Con esta iniciativa, persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e motoras compartiron pasarela con persoas traballadoras de Decathlon, para mostrar, entre todas, que todo tipo de deporte pode ser unha ferramenta de desenvolvemento individual e colectivo. Na pasarela, luciron coleccións para todo tipo de deportes, desde a caza e a pesca ata o ximnasio ou o rugby. Máis aló de lucir as pezas, as persoas participantes achegaron valor engadido ao desfile, con Yennifer facendo unha demostración de baile latino ou Lara Paula cunha demostración práctica de pilates na súa esterilla.

Ademáis desta acción de sensibilización, durante toda a semana Down Vigo organizou iniciativas en centros educativos da cidade, como unha charla co alumnado do Colexio Mariano. En definitiva, o obxectivo non é outro que participar en todas aquelas oportunidades que ofrezan os recursos da contorna.
Acto no Concello de Moaña
“As persoas coa síndrome de Down somos iguais que aquelas que non teñen esta alteración cromosómica: sentimos, pensamos, queremos, crecemos e ilusionámonos coma calquera”. Frases tan contundentes como esta soaron no salón de plenos do Concello de Moaña, na lectura do manifesto lido por Antón, que asiste a Down Vigo, e polos seus compañeiros/as de Down Pontevedra Xuntos, Asociación Xoán XXIII e Aspamsim. A banda de música Airiños do Morrazo puxo o broche de ouro cunha peza musical en directo. A anfitrioa foi María Sanluis, concelleira de Benestar Social do Concello de Moaña, que destacou que “como sociedade, debemos seguir avanzando para garantir que todas as persoas teñan espazos onde desenvolverse, crecer e demostrar ou seu talento”.

Acto en A Coruña das entidades Down de Galicia
O Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña foi o escenario no que a Federación Down Galicia celebrou, xunto aos anfitrións Down Coruña, o acto principal que conmemorou o Día Mundial da Síndrome de Down a nivel autonómico. Así, houbo espazo para unha parte institucional, con asistencia de autoridades. Concretamente, asistiron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López; a directora xeral de persoas con discapacidade, Begoña Abeijón Fernández; a deputada responsable das áreas de Política Social, Educación e Xuventude da Deputación da Coruña, Mª del Mar García Vidal; a presidenta de Down Coruña, María Díaz Caamaño; e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González.

Agradecemos enormemente a todas as entidades públicas e privadas que, un ano máis, demostrasen o seu apoio ao traballo que realiza a nosa entidade pola inclusión real e efectiva das persoas coa Síndrome de Down.