Borja asina o seu primeiro contrato e empeza a traballar en Sumipor como mozo e acompañante de repartición
- Cun contrato temporal de un ano, o seu posto consiste en axudar a distribuir suministros industriais
Borja, que asiste ao servizo de Emprego con Apoio da entidade, acaba de asinar o seu primeiro contrato grazas a unha oportunidade laboral en Sumipor como mozo e acompañante de repartición. A empresa, que se adica desde 1999 ao comercio polo miúdo de accesorios e subministracións industriais, ten a súa sede no polígono industrial A Granxa, nunha nave de máis de 2000 m2 entre almacén, exposición e oficinas.
Durante a súa xornada laboral, de 3 horas ao día, Borja encárgase de cargar o material da repartición na furgoneta; axudar na entrega da mercadoría; tramitar os albarás; e poñer a punto as furgonetas eléctricas no punto de carga.

As súas primeiras sensacións son moi boas, tanto pola oportunidade laboral como polas tarefas que desempeña. Sobre todo, gústalle traballar co material do almacén e cargar as furgonetas eléctricas. sente moi agradecido e arroupado polos seus compañeiros: «apóianme moito e estou moi contento con eles». A súa rede de apoio tamén inclúe ao seu preparador laboral e ao resto de servizos da entidade, que son fundamentais para afrontar os retos do seu posto de traballo. A súa maior dificultade, tal e como el explica, é «coñecer onde están as empresas, porque son moitas (Vigo, Mos, Porriño…)».
Esta nova etapa vital supón un salto á madurez para Borja, xa que suma unha nova responsabilidade á súa rutina diaria. Confiamos plenamente na súa capacidade para superar este reto, xa que se algo lle sobra é tesón e capacidade de traballo, tal e como demostrou en tantas ocasións durante a súa carreira deportiva.
Desde Down Vigo desexámoslle o mellor nesta nova etapa e agradecemos a Sumipor o seu compromiso coa inclusión de persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual.
