Alumnado de Down Vigo e do Grao en Educación Primaria da UVigo comparten proxecto aplicando a metodoloxía de aprendizaxe-servizo
- O obxectivo é afrontar conxuntamente os obstáculos para a aprendizaxe das matemáticas
- Alumando do servizo de Formación participou en actividades centradas na aplicación na vida diaria
No marco dun proxecto promovido por terceira vez pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez xunto con Down Vigo, doce estudantes do Grao en Educación Primaria da UVigo deseñaron e puxeron en práctica unha serie de actividades dirixidas a dotar un grupo de oito alumnos/as da área de Formación dunha serie de habilidades básicas de cálculo matemático.

A través de propostas como xogos ou a recreación dun mercado, esta iniciativa busca achegar estes mozos e mozas con síndrome de Down e diversidade intelectual ás aplicacións cotiás das matemáticas, partindo dunha avaliación inicial orientada, como sinala Pérez, “a intentar atopar onde poden estar os obstáculos ou dificultades para a aprendizaxe” neste eido.
Desenvolvida coa metodoloxía de aprendizaxe-servizo, coa que as e os estudantes adquiren as competencias propias da súa titulación á vez que colaboran con entidades e colectivos, trátase da oitava edición dunha iniciativa que leva o estudantado a “vivir unha experiencia enriquecedora e inclusiva”, como sinala Antía Vaamonde, responsable de Formación de Down Vigo. Por unha banda, porque permite aos alumnos e alumnas desta asociación traballar nunha “materia que é de grande importancia para a súa autonomía persoal”, e facelo ademais “aprendendo entre iguais, e iso, sen dúbida, é algo motivador para eles”. Ao mesmo tempo, engade, trátase dunha proposta que posibilita aos futuros e futuras docentes que se forman na facultade “coñecer a través da experiencia directa como é enfrontarse a un alumnado con dificultades de aprendizaxe”.

Da avaliación inicial a facer a compra nunha gran superficie
Divididos en seis grupos, integrados tanto por alumnado da facultade como de Down Vigo, o traballo neste proxecto arrancou cunha primeira sesión dirixida a “facer unha avaliación previa”, explica Pérez. O seu obxectivo era “intentar atopar, a partir dunha serie de actividades, onde están os obstáculos, as dificultades na aprendizaxe das matemáticas, sempre relacionadas coa súa aplicación na vida diaria”. A partir desta valoración, a segunda sesión de traballo estivo dedicada a “intentar reforzar as partes nas que se concentran esas actividades”, a través dunha serie de actividades ou xogos pensados para traballar accións e situacións concretas, pondo o foco nas aplicacións cotiás das matemáticas.
A seguinte proposta foi “pór todo iso en contexto” a través da recreación da facultade dun “mercado”, no que o alumnado de Down Vigo debía realizar unha serie de compras. Con ese propósito, a cada participante se lle asignaba un “rol de vida”, cun salario e unha serie de actividades determinadas, que levábanos tanto a mercar alimentos, medicinas ou roupa como a ir o cine ou contratar unha viaxe. Finalmente, esta iniciativa inserida nas actividades da materia Recursos para o ensino das matemáticas completábase coa realización dunha compra nunha gran superficie, á que as e os estudantes de Down Vigo acudían cun orzamento determinado e unha lista de produtos que debían adquirir.
Esta iniciativa continuará no segundo cuadrimestre, no marco da materia Dificultades na aprendizaxe das matemáticas, do máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Neste caso, explica Pérez, centrándose xa en propostas “nas que traballamos máis en concreto sobre as dificultades” para a aprendizaxe neste eido.
Un grupo que repite participación
Como explica Vaamonde, trátase da terceira edición na que este grupo de alumnas e alumnos de Down Vigo toma parte nunha experiencia “moi positiva e enriquecedora”, na que o feito de que coñezan o proxecto “axúdanos moito, debido a que xa teñen interiorizada a estrutura de traballo, o cal permite obter mellores resultados”. Trátase, en concreto, de oito persoas que formáronse os dous últimos anos no Programa para o Emprego e a Vida Autónoma da Universidade de Vigo e actualmente continúan a súa formación nun curso de especialización promovido pola propia entidade, que se leva a cabo nas instalacións da Cámara de Comercio de Vigo. Ao mesmo tempo, este proxecto lévaos cada curso a compartir experiencias con diferentes de universitarios e universitarias, o que “permite atoparnos sempre cun grupo moi motivado e con grande interese de aprendizaxe”, recoñece.
