A plataforma Social Calvario conmemoramos o 25N visibilizando as violencias contra as mulleres de diferentes colectivos
Máis de cen persoas usuarias e profesionais de asociacións solidarias do barrio elaboraron unha exposición conxunta na Escola Oficial de Idiomas
O barrio do Calvario en Vigo é o fogar de decenas de agrupacións e entidades solidarias da cidade que traballan día a día para mellorar a vida das persoas que asisten aos seus servizos. Estas organizacións crearon a Plataforma Social Calvario, para seguir crecendo no seu camiño e poder organizar actividades de máis impacto. Este luns máis dun centenar de profesionais e persoas usuarias destas entidades uníronse ao alumnado da Escola Oficial de Idiomas para crear unha exposición con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O acto consistiu en visibilizar unha das violencias máis difíciles de percibir: a verbal, e cuxa eliminación é un dos principais obxectivos de todas as entidades participantes, sen excepción. Para iso, Social Calvario elaborou unha exposición conxunta de máscaras sen cara e camisetas negras, que tiñan escritos todos os insultos e opinións ofensivas que as mulleres escoitan e sofren cada día. Minusválida, fea, atrasada, inútil, infantil, analfabeta, vella, torpe, sucia, vaga, bébeda, mala nai… unha lista sen fin de palabras que son puñais para mulleres de todos os colectivos. Na lectura dun manifesto conxunto, a plataforma quixo destacar que “é hora de romper o silencio, de visibilizar os casos de abuso, de educar ás novas xeracións no respecto e na igualdade”.
A exposición serviu tamén para visibilizar que as diferentes realidades das mulleres teñen un denominador común: sufrir violencia por ser muller. Esta realidade súmase á discriminación que xa sofren por formar parte dun colectivo en risco de exclusión social: mulleres con Síndrome de Down e diversidade intelectual; que teñen problemas de adiccións; con diversidades motoras; con párkinson; mulleres xitanas; ou mulleres maiores.
A plataforma Social Calvario, dinamizada desde 2022, está formada pola Asociación Érguete, Afaga Alzhéimer, Arela, Secretariado Xitano, Down Vigo, Igualarte, Párkinson Vigo, Asem, Apamp, Fundación Érguete-Integración, Biblioteca Xosé Neira Vilas, Centro Municipal de Benestar Social Rivera Atienza, Centro Social Rivera Atienza e a Escola Oficial de Idiomas.